Eventos
CURSO DE VERÁN
O curso "Intelixencia artificial na saúde: de promesas a feitos" celebrarase do 15 ao 18 de xuño de 2026 no Salón de Actos do CiTIUS da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Organizado pola Cátedra USC-Plexus de IA aplicada á Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA) e dirixido por Senén Barro Ameneiro e José Manuel Chao Ardao, o evento ofrece 28 horas lectivas (2 créditos ECTS) para un máximo de 150 alumnos. Ao longo das catro xornadas, diversos expertos abordarán o impacto da IA en áreas como o desenvolvemento de medicamentos, a privacidade, a ética, a regulación e o seu efecto directo na vida dos pacientes.
Xornada CAMELIA - Ata a IA e máis aló: Novos horizontes da Medicina Personalizada
O obxectivo da xornada é explorar o futuro da IA no ámbito da saúde, con especial atención ao papel que desempeñarán os/as investigadores/as e especialistas en IA. Así mesmo, abordaranse temas relacionados coa empregabilidade, as competencias emerxentes e as perspectivas de futuro desde a visión de persoas expertas procedentes de distintos sectores: academia, industria e administracións públicas.
I Certame literario de relatos sen IA: "A IA É SAÚDE"
A Cátedra USC-Plexus de Intelixencia Artificial Aplicada á Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA) convoca o I Certame de Relatos sen IA: "A IA é saúde", unha proposta que convida a reflexionar, desde a creatividade literaria, sobre a relación entre a intelixencia artificial e a saúde. Nun momento en que a intelixencia artificial está a transformar profundamente a investigación biomédica, a práctica clínica e os sistemas sanitarios, este certame propón pararse a pensar tamén nas súas posibilidades, os seus límites, os seus riscos, as súas implicacións éticas e legais e o papel insustituíble do humano na saúde e no seu coidado. Baixo o lema "A IA é saúde", pero sen que sexa a IA a que pense ou escriba por nós, búscase fomentar unha ollada imaxinativa, crítica e plural sobre como a tecnoloxía inflúe —ou podería influír— nas nosas vidas. En coherencia con este enfoque, os relatos presentados deberán ser íntegramente orixinais e non poderán ter sido elaborados, total nin parcialmente, mediante ferramentas de intelixencia artificial.
CURSO DE VERÁN
Este curso de verán afondará na aplicación da intelixencia artificial na medicina personalizada e de precisión. Explorará como estas tecnoloxías están a transformar a atención médica, desde diagnósticos máis precisos ata terapias adaptadas ás características de cada paciente. Ademais, abordará os desafíos éticos, legais, sociais e económicos do uso da IA en saúde. Toda persoa inscrita nun curso de verán que cumpra coa asistencia ao 80% das horas lectivas do curso recibirá un diploma acreditativo no que constará o seu nome completo, número de identificación, título do curso, datas e número de horas lectivas.



