I Certame literario de relatos sen IA: "A IA É SAÚDE"

A Cátedra USC-Plexus de Intelixencia Artificial Aplicada á Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA) convoca o I Certame de Relatos sen IA: "A IA é saúde", unha proposta que convida a reflexionar, desde a creatividade literaria, sobre a relación entre a intelixencia artificial e a saúde.
Nun momento en que a intelixencia artificial está a transformar profundamente a investigación biomédica, a práctica clínica e os sistemas sanitarios, este certame propón pararse a pensar tamén nas súas posibilidades, os seus límites, os seus riscos, as súas implicacións éticas e legais e o papel insustituíble do humano na saúde e no seu coidado. Baixo o lema "A IA é saúde", pero sen que sexa a IA a que pense ou escriba por nós, búscase fomentar unha ollada imaxinativa, crítica e plural sobre como a tecnoloxía inflúe —ou podería influír— nas nosas vidas.
En coherencia con este enfoque, os relatos presentados deberán ser íntegramente orixinais e non poderán ter sido elaborados, total nin parcialmente, mediante ferramentas de intelixencia artificial.
BASES
1. Participación
a) Poderán participar todas as persoas maiores de 18 anos.
b) Cláusula de incompatibilidades e conflito de intereses
Non poderán participar no presente concurso as persoas que manteñan unha relación de parentesco ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade, nin aquelas que manteñan vínculos profesionais, laborais, contractuais ou de colaboración directa con calquera dos membros do xurado, do comité organizador ou da entidade convocante.
Asimesmo, quedarán excluídas aquelas persoas que, a xuízo da organización, poidan incorrer nunha situación de conflito de intereses que comprometa a imparcialidade do proceso de selección.
2. Sobre os textos/relatos
a) Os relatos deberán estar escritos en lingua castelá por ser a lingua de traballo da Cátedra CAMELIA.
b) Os relatos deben ser de autoría orixinal de quen os presente.
c) O tema dos relatos deberá estar relacionado coa saúde e a intelixencia artificial, e estes deben facer pensar ao lector sobre as posibilidades da IA na súa aplicación á saúde, os seus límites, os seus riscos, as súas implicacións éticas e legais, etc.
d) Non se buscan relatos meramente descritivos ou de divulgación do uso da aplicación da IA na saúde, senón creacións literarias, que aborden con realismo ou non temas propios do ámbito. Poden ser relatos de ficción, narrativa realista, humor…
e) Cada participante poderá presentar un máximo de dous relatos.
f) As obras terán unha extensión máxima de 1.500 palabras.
3. Normas sobre o envío de textos
a) Os relatos enviaranse por correo electrónico a: catedra.ia.med@usc.gal
b) No corpo do correo deberá indicarse claramente o nome completo do autor ou autora e un medio de contacto.
c) Os correos recibidos sen identificación ou con identificación incompleta quedarán automaticamente excluídos do concurso.
d) Adxunto ao correo, enviarase o texto ou textos obxecto de concurso, sen que nestes se identifique ao seu autor, salvo polo uso de pseudónimo.
e) Formato do arquivo: Os relatos deberán enviarse en formato editable, preferentemente .doc, .docx ou .odt. Usarase fonte Arial ou Times New Roman, tamaño 12 e espazo 1,5.
4. Período de presentación
O prazo para a presentación de textos estará aberto desde as 00:01 horas do mércores 15 de abril ata as 23:59 horas do venres 15 de maio de 2026.
5. Recoñecemento
a) Seleccionaranse tres relatos gañadores: primeiro, segundo e terceiro premio. Se o xurado o estima oportuno poderá dar premios ex aequo e outorgar adicionalmente mencións especiais a outros textos con gran mérito. Os premios estarán dotados coas seguintes contías económicas:
- Primeiro premio: 500€
- Segundo premio: 300€
- Terceiro premio: 100€
b) As persoas gañadoras recibirán ademais un diploma acreditativo por parte da Cátedra e serán invitadas a participar nun evento sobre "IA e saúde", organizado pola Cátedra, en Santiago de Compostela en xuño de 2026.
6. Xurado
a) O xurado estará formado por profesionais do ámbito tecnolóxico, sanitario e literario.
b) O xurado terá plenas facultades para decidir as persoas gañadoras e a súa decisión será inapelable. Poderá declarar deserto algún ou todos os premios se así o considera.
d) O xurado eliminará calquera relato que non sexa orixinal ou sobre o que teña sospeitas fundadas de que foi elaborado, total ou parcialmente, mediante algún sistema de intelixencia artificial.
Berta García Orosa, Catedrática de Xornalismo (Universidade de Santiago de Compostela) - berta.garcia@usc.es
Maria De La Luz Couce Pico, Catedrática de Pediatría (Universidade de Santiago de Compostela) - Mariluz.couce@usc.es
Alejandra Ulla Lorenzo, Profesora Titular de Literatura Española (Universidade de Santiago de Compostela) - Alejandra.ulla@usc.es
Patricia Martín Rodilla, Científica Titular en Humanidades Dixitais. Área de Sociedade (Consello Superior de Investigacións Científicas) - p.m.rodilla@iegps.csic.es
José Ramón González Juanatey, Catedrático de Medicina (Universidade de Santiago de Compostela) - Jose.Ramon.Gonzalez.Juanatey@sergas.es
Belén Xestal, Directora de Comunicación, Márketing e RREE (Plexus Tech) - belen.xestal@plexus.es
Aser Álvarez González, Director (Arraianos Producións e ArteciencIA) - raiaseca@gmail.com
Foro Hernández Sánchez, Director (Relacións Públicas Galicia) - foroh@rpgalicia.es