Son Catedrático de Universidade na área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial e coordinador do Grupo de Sistemas Intelixentes (GSI), recoñecido como grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia desde 2006 e que iniciou a súa traxectoria investigadora en 1990.
As miñas liñas de investigación céntranse en diferentes áreas da intelixencia artificial e as súas aplicacións, como xeración de linguaxe natural (sistemas “Data-To-Text”), IA fiable, computación flexible (“soft computing”), a aprendizaxe automática e a representación do coñecemento e razoamento aproximados.
Son coautor de case 230 traballos científicos en ditos temas e participei en máis de 63 proxectos de I+D e contratos de innovación e transferencia, sendo investigador principal en 25 deles. Tamén participei en proxectos de divulgación científica e son membro de diversas redes temáticas de investigación, incluída a recentemente concedida rede TELSEC4TAI sobre "Intelixencia artificial fiable: retos técnicos, éticos, legais, culturais e socio-económicos", liderada polo CiTIUS.
Fun Subdirector da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC (ETSE) e na actualidade son Vogal da Xunta Directiva da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA), secretario da Sociedad Española para el Procesamiento del Lenguaje Natural (SEPLN) e membro do Comité Organizador da “27th European Conference on Artificial Intelligence (ECAI)” que tivo lugar en Santiago de Compostela en outubro de 2024. A nivel académico, coordino na USC o Grao en Intelixencia Artificial impartido conxuntamente polas tres universidades de Galicia.