ES | GAL
Ctedra Camelia Ctedra Camelia Ctedra Camelia Ctedra Camelia canal Yotube
Novidades

De promesas a feitos: a Cátedra CAMELIA USC-Plexus analiza o verdadeiro alcance da IA na saúde

De promesas a feitos: a Cátedra CAMELIA USC-Plexus analiza o verdadeiro alcance da IA na saúde
A Cátedra CAMELIA USC-Plexus de Intelixencia Artificial e Medicina Personalizada e de Precisión analizará esta semana o verdadeiro alcance da IA na saúde. Farao no marco do curso de verán que promove “Intelixencia artificial na saúde: de promesas a feitos”  e que reunirá desde hoxe e ata o 18 de xuño en Santiago a expertos de referencia para abordar os avances, retos e aplicacións reais desta tecnoloxía no ámbito sanitario.

Ao longo de catro xornadas, especialistas procedentes da investigación, da administración pública, da industria tecnolóxica e do sector sanitario analizarán como a IA está a transformar a medicina e cales son os retos que deben afrontarse para garantir unha adopción segura, ética e eficaz destas tecnoloxías.


Tecnoloxía, ética e pacientes: os eixes do curso

A xornada de hoxe luns centrará o foco en cuestións de máxima actualidade, como as tecnoloxías da linguaxe ao servizo da saúde, o uso da IA no desenvolvemento de medicamentos, a formación dos futuros profesionais das Ciencias da Saúde ou o valor da IA nos procesos dunha organización sanitaria. Entre as persoas relatoras destacadas figura Margarita Martín, da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), quen abordará o impacto da intelixencia artificial nos produtos sanitarios.

A xornada do martes 16 afondará na dimensión da sanidade intelixente, abordando a factoría 1HealthIA como motor de tecnoloxías de vangarda aplicadas á saúde integral e á xestión dos datos sanitarios. Pola súa banda, a sesión do mércores 18 centrarase no papel da IA na saúde cardiovascular, os retos da regulación e o compromiso ético, os mecanismos para xerar confianza na intelixencia artificial e o funcionamento interno dos sistemas de IA aplicados ao ámbito médico.

O curso concluirá o xoves 18 de xuño cunha reflexión sobre o futuro da intelixencia artificial na sanidade (Onde estaremos en 2076?) e sobre os límites que acompañan esta tecnoloxía. A xornada incluirá unha intervención dedicada ao papel da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) e rematará cunha mesa redonda de testemuños da realidade con asociacións de pacientes. Representantes de ACODI, AECC e FEGEREC compartirán a súa visión e experiencia para achegar a perspectiva de quen constitúen o centro de calquera proceso de innovación sanitaria. 

Con este curso, a Cátedra CAMELIA USC-Plexus busca xerar un espazo de diálogo e formación que permita achegar os avances máis recentes en intelixencia artificial a profesionais, investigadores, estudantes e cidadanía, promovendo unha reflexión fundamentada sobre o seu impacto real na saúde.