ES | GAL
Ctedra Camelia Ctedra Camelia Ctedra Camelia Ctedra Camelia canal Yotube
Novidades

Intelixencia artificial lingüística, outra forma de comunicarnos

Intelixencia artificial lingüística, outra forma de comunicarnos
A intelixencia artificial está a cambiar o noso xeito de comunicarnos coa tecnoloxía. Desde os asistentes de voz ata os tradutores automáticos, pasando polos chatbots e a xeración automática de textos, o seu impacto é cada vez máis evidente. No ámbito lingüístico, a IA converteuse nunha ferramenta clave para a análise e a xeración da linguaxe, ao permitir que as máquinas comprendan, procesen e produzan textos cada vez con máis precisión. A intelixencia artificial lingüística xa está aquí.

Sobre estes novos modelos de linguaxe e a súa aplicación á saúde reflexionaron esta mañá na xornada organizada pola Cátedra USC-Plexus de IA aplicada á Medicina Personalizada de Precisión representantes de diferentes centros nacionais de referencia en Tecnoloxías da Información e a Comunicación. O encontro, no que participaron tamén o director da Cátedra Camelia, Senén Barro, e a responsable de formación, María Jesús Taboada; a directora adxunta do CiTIUS, Paula López; ademais do socio director de Plexus, José Manuel Ardao, serviu para poñer en común as tendencias e os retos no campo da IA lingüística.

Investigación de vangarda

O encontro, celebrado no Centro de Estudos Avanzados da USC en Compostela, reuniu representantes dalgúns dos principais centros de investigación en tecnoloxías da linguaxe de España para dar a coñecer os seus proxectos actuais e abordar as posibilidades que ofrece este campo no ámbito da medicina e a saúde.

O Centro Vasco de Tecnoloxía da Lingua (Hitz) da Universidade do País Vasco, que conta coa primeira cátedra nacional especializada en IA e tecnoloxía da linguaxe, achegou o seu traballo a través do seu subdirector, German Rigau. Manuel Palomar, director do Centro de Intelixencia Dixital de Alicante (CENID), explicou o traballo desta entidade de referencia en Alicante no desenvolvemento, investigación, divulgación e aplicación de estratexias e tecnoloxías habilitadoras dixitais. Por último, o director do Centro de Estudos Avanzados en TIC de Jaén (CEATIC), Alfonso Ureña, presentou unha das liñas mestras de investigación, enfocada ás tecnoloxías da linguaxe humana e ao procesamento da linguaxe natural, que lidera o grupo SINAI a través do labor de recuperación e acceso á información ou tratamento de información multilingüe.