ES | GAL
Ctedra Camelia Ctedra Camelia Ctedra Camelia Ctedra Camelia canal Yotube
Novidades

Galicia avanza na integración segura e responsable da intelixencia artificial nos servizos de saúde

Galicia avanza na integración segura e responsable da intelixencia artificial nos servizos de saúde
A través dunha iniciativa estratéxica que permitiu formar a máis dunha trintena de responsables de dirección do sector tecnolóxico e sanitario, impulsada polo Cluster de Saúde (CSG) e a Cátedra USC-Plexus de IA en Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA).

Nela déronse cita destacadas figuras do ámbito académico, institucional e tecnolóxico, como Senén Barro Ameneiro, José Manuel Chao Ardao, Iván Rarís, Alberto José Bugarín Diz, Marta Núñez García, Luis Míguez, Benigno Rosón Calvo, Ángel Carracedo e Lois Orosa.

Este programa formativo nace co obxectivo de achegar os coñecementos necesarios sobre IA aplicada ao campo da saúde a algúns dos referentes do sector para facilitar a toma de decisións estratéxicas en organizacións sanitarias.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2026.
Galicia continúa avanzando no uso responsable da intelixencia artificial nos servizos de saúde. Fao a través dun programa estratéxico centrado nos fundamentos, a regulación e as aplicacións reais da intelixencia artificial para a toma de decisións que permitiu xa formar a máis dunha trintena de responsables de dirección do ámbito tecnolóxico e sanitario, tanto do sector público como do privado, da man do Cluster de Saúde de Galicia (CSG) e a Cátedra USC-Plexus de Intelixencia Artificial en Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA).

Para iso, ambas entidades organizaron tres xornadas formativas presenciais no CiTIUS da USC. A sesión celebrada onte xoves pon o broche final ao ciclo "Intelixencia Artificial en Saúde: fundamentos, regulación e aplicacións reais para a toma de decisións", que tamén tivo lugar os pasados 12 e 18 de marzo, promovendo en todas as súas citas un contorno de aprendizaxe avanzado orientado á análise estratéxica e ao intercambio de experiencias entre perfís directivos do ámbito sanitario.

"A intelixencia artificial está influíndo de forma directa na xestión sanitaria, a investigación biomédica, a práctica clínica e a planificación estratéxica dos sistemas de saúde. Neste contexto, comprender o seu alcance real, así como as súas implicacións legais e éticas, converteuse nunha prioridade para os equipos directivos que deben tomar decisións informadas sobre a incorporación destas tecnoloxías. Isto esixe que os responsables de políticas e organizacións sanitarias coñezan tanto as súas capacidades como as súas limitacións e riscos. Iniciativas como este programa formativo achegan o coñecemento estratéxico necesario e facilitan unha adopción responsable, baseada na evidencia científica e nunha comprensión sólida das bases tecnolóxicas da IA. Ese é precisamente o obxectivo desta iniciativa, e estamos moi satisfeitos coa súa acollida e o seu impacto real", explicou o director do CiTIUS e da Cátedra CAMELIA, Senén Barro.

Pola súa parte, o Cluster Saúde de Galicia (CSG) destacou que Galicia conta cunha sólida traxectoria na incorporación de tecnoloxía ao sistema sanitario. "Galicia é hoxe un referente na aplicación de tecnoloxías avanzadas en saúde, un proceso que foi impulsado de forma decidida pola Consellería de Sanidade e polo Servizo Galego de Saúde. Ese posicionamento debe consolidarse hoxe no ámbito da intelixencia artificial aplicada á saúde", comentou o seu xerente, Iván Rarís.

Desde Plexus Tech manifestaron a súa satisfacción e "honra de traballar coa cátedra CAMELIA neste programa formativo e de investigación". "Cremos firmemente neste proxecto, porque a tecnoloxía está madura hoxe en día e está a producirse un cambio cultural sobre a importancia de entender os datos e sobre como a IA se pode facer explicable", asegurou o seu director executivo de Sanidade e Servizos Sociais, Martín Aldrey.

Formación nunha área estratéxica para o sector sanitario galego
Esta formación foi concibida para ofrecer unha visión estruturada sobre o uso da intelixencia artificial aplicada ao ámbito sanitario. Ao longo das sesións analizáronse os fundamentos técnicos da aprendizaxe automática necesarios para interpretar solucións baseadas en datos, as aplicacións reais da IA na práctica asistencial e a xestión sanitaria, o papel estratéxico dos espazos europeos de datos sanitarios, o marco normativo aplicable e os principais retos éticos e de gobernanza vinculados á adopción destas tecnoloxías en medicina.

Ecosistema experto para unha IA responsable en saúde
A formación contou coa participación do director da Agencia Española de Supervisión de la Inteligencia Artificial (AESIA), Alberto Gago Fernández, que compartiu a súa visión sobre a estratexia de desenvolvemento e supervisión da intelixencia artificial en España, destacando o seu papel clave na transformación dixital do sistema sanitario. "Non é casual que a AESIA estea en Galicia, tampouco que a fábrica europea de IA en saúde que se concedeu recentemente vaia ter a súa sede en Santiago. O principal financiador desta fábrica volve ser o Goberno de España que puxo a metade dos 82 millóns de euros necesarios. Isto responde a unha clara aposta do goberno por dotar Galicia de medios económicos e materiais para a defensa dunha IA que sirva ás empresas e a cidadanía".

Do mesmo xeito, o director da AESIA subliñou o seu apoio "para que as empresas poidan incorporar esta tecnoloxía nos seus produtos con plenas garantías para as persoas. Por iso estamos a desenvolver un contorno de probas controlado e unha das liñas estratéxicas será a saúde. Aquí as empresas poderán testar que os seus sistemas de IA cumpren co Regulamento Europeo de intelixencia artificial antes de saír ao mercado".
O programa contou tamén cun equipo docente de recoñecido prestixio procedente do ámbito académico, institucional e tecnolóxico. Poñentes como Senén Barro Ameneiro, José Manuel Chao Ardao, Iván Rarís, Alberto José Bugarín Diz, Marta Núñez García, Luis Míguez, Benigno Rosón Calvo, Ángel Carracedo e Lois Orosa achegaron unha perspectiva multidisciplinar sobre a aplicación da intelixencia artificial en ámbitos como a investigación biomédica, a xestión sanitaria e a medicina personalizada.

Entre eles, o director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo, durante a súa intervención destacou a importancia dun espazo de datos sanitarios compartido seguro, ético e interoperable que permita incrementar a taxa de diagnóstico, sobre todo en enfermidades raras e xenéticas. Este é o principal obxectivo do proxecto IMPaCT Xenómica, que coordina o propio Carracedo e que promove a creación dunha infraestrutura cooperativa que establece as redes e fluxos necesarios para contribuír ao diagnóstico.
Esta iniciativa formativa enmárcase nas Cátedras ENIA (TSI-100932-2023-3, orden ETD/180/2022, de 25 de noviembre), destinadas á investigación e desenvolvemento da intelixencia artificial, así como á súa difusión e formación no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). O programa está financiado pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial e pola Unión Europea – Next Generation EU.