ES | GAL
Ctedra Camelia Ctedra Camelia Ctedra Camelia Ctedra Camelia canal Yotube
Novidades

A Universidade de Santiago de Compostela contará cunha Cátedra de Intelixencia Artificial en Medicina Personalizada de Precisión, financiada polo Estado e a tecnolóxica Plexus Tech

A Universidade de Santiago de Compostela contará cunha Cátedra de Intelixencia Artificial en Medicina Personalizada de Precisión, financiada polo Estado e a tecnolóxica Plexus Tech
  • «A Cátedra xurdiu polo convencemento de que só desde unha perspectiva integradora e multidisciplinar, coa ambición de construír un proxecto a longo prazo, se pode crear un contorno de xeración de novo coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico que remate na súa traslación á práctica clínica», afirma Senén Barro, director científico do CITIUS.
  • O obxectivo é situar a Galicia na vangarda da Intelixencia Artificial neste terreo, a través do liderado do CiTIUS e a USC, a empresa tecnolóxica Plexus Tech, e todo o ecosistema galego implicado.
  • A proposta inclúe doce dos currículos máis importantes do panorama científico non só a nivel galego, senón nacional, incluíndo perfís con premios de gran prestixio internacional.
  • A Cátedra, cunha duración inicial de catro anos, ten como obxectivo a creación dun instrumento que, a través da IA sexa quen de cruzar os datos necesarios para contribuír a crear novo coñecemento e melloren significativamente o proceso de toma de decisións do persoal implicado nunha sorte de «intelixencia aumentada». Ademais da investigación, a divulgación, a docencia e a innovación serán obxectivos igualmente relevantes no quefacer desta cátedra.
«É unha excelente noticia para Galicia, un novo recoñecemento á investigación en Intelixencia Artificial desenvolvida na nosa comunidade e, neste caso, tamén para o noso ecosistema de saúde». Con estas palabras reaccionaba Senén Barro, director científico do CiTIUS, á noticia da resolución ministerial que avalía a nova Cátedra de Intelixencia Artificial en Medicina Personalizada de Precisión; unha proposta elaborada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través do CiTIUS, en colaboración coa empresa tecnolóxica Plexus Tech. A iniciativa convértese así na única en España nesta temática que consegue un importante apoio do Goberno central. A cátedra contará cun financiamento de 1.200.000€ durante catro anos: os tres primeiros a través dunha achega da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, con 900.000 euros, e o último, cunha achega de 300.000 euros, por parte da empresa Plexus Tech.

O propio Senén Barro, director da Cátedra, reflexionaba sobre as razóns esenciais da súa creación: «a Medicina Personalizada de Precisión» (MPP) «xorde da ambición de optimizar a calidade da atención sanitaria mediante a individualización do proceso asistencial, de acordo coas condicións únicas que caracterizan a cada paciente». «Existe un consenso xeneralizado sobre o feito de que a Intelixencia Artificial» (IA) «está chamada a revolucionar a Medicina Personalizada de Precisión e, por extensión, o desenvolvemento mesmo da medicina do futuro», explica.

Con esta premisa xurdía a iniciativa promovida polo CITIUS, que en marzo de 2023 concorreu á convocatoria lanzada pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial para financiar Cátedras universitarias dedicadas á investigación, divulgación, docencia e innovación sobre Intelixencia Artificial (IA), e cuxo desenvolvemento se enmarca na Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial (ENIA) e na axenda España Dixital 2026, así como no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
  «A Cátedra xurdiu polo convencemento de que só desde unha perspectiva integradora e multidisciplinar, coa ambición de construír un proxecto a longo prazo, se pode crear un contorno de xeración de novo coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico que remate na súa traslación á práctica clínica», afirma Barro.
 Entre os principais obxectivos que abordará nos seus primeiros catro anos de vida, a Cátedra centrará os seus esforzos en reforzar a investigación en IA que realiza o CiTIUS, incentivando aquelas liñas de investigación con maior potencial en proxectos de Medicina Personalizada de Precisión. O obxectivo é situar a Galicia na vangarda da Intelixencia Artificial neste terreo, a través do liderado do CiTIUS e a USC, a empresa Plexus Tech, e todo o ecosistema galego implicado.

 A principal prioridade investigadora deste novo instrumento científico centrado na IA aplicada á MPP é a adecuada explotación dos datos dispoñibles. Deles espérase, por un lado, que acheguen novo coñecemento e, por outro, que contribúan significativamente ao proceso de toma de decisións do persoal clínico, poñéndose ao seu servizo como unha sorte de «intelixencia aumentada». As posibilidades que ofrece a aplicación da Intelixencia Artificial neste campo abarcan múltiples ámbitos, como o descubrimento de fármacos, a identificación de biomarcadores, a caracterización de subpoboacións, a estimación e inferencia causal de efectos ao tratamento, a comunicación, ou o intercambio de coñecemento -entre outros-. Á súa vez, estas novas posibilidades formulan novos retos na integración de datos multimodais, como a seguridade, a privacidade, a escalabilidade, a eficiencia, a reproducibilidade, a transparencia ou a confiabilidade. «Por iso esta Cátedra lle dá tanta importancia aos datos, á computación de alto rendemento e ás tecnoloxías intelixentes», argumenta Senén Barro: «o fin é a saúde e a calidade de vida das persoas, pero no medio están as máquinas e as tecnoloxías intelixentes».
A proposta recoñecida polo Goberno inclúe unha lista de doce currículos brillantes, perfís investigadores de recoñecida traxectoria que actúan como garantes da actividade da Cátedra.

Entre eles, cómpre destacar a participación dos directores de cinco dos centros de investigación de referencia en Galicia e España: a directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), María Luz Couce; Rosa María Crujeiras, directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga); a directora do CiMUS, Mabel Loza, o director do Centro Nacional de Xenotipado-ISCIII, Ángel Carracedo, e Senén Barro, director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). Completan a lista de garantes figuras sobresalientes nos seus campos de investigación, como Wenceslao González, Premio Nacional de Estatística 2021; María José Alonso, Premio Nacional de Investigación Juan de la Cierva 2021 na área de Transferencia de Tecnoloxía; ou José Ramón González Juanatey, Xefe de Servizo de Cardioloxía e UCC do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e, entre outros, Premio Ciril Rozman, Premio Best in Class, Premio da Fundación Avedis Donabedian e Premio Médico Español do Ano.

No que respecta á vertente socioeconómica desta cátedra universidade-empresa, a achega empresarial contará co liderado da compañía tecnolóxica Plexus Tech, que desde o ano 2000  vén desenvolvendo proxectos en todos os ámbitos tecnolóxicos a medida que estes foron crecendo e conta xa con máis de tres mil profesionais altamente cualificados, moitos dos cales se atopan desenvolvendo proxectos europeos xa premiados dentro do marco H2020. Nas palabras de Antonio Agrasar, Fundador e CEO de Plexus Tech: «entendemos a tecnoloxía como unha grande ferramenta que só ten cabida para mellorar o mundo e, neste sentido, a medicina é un campo de grandes avances tecnolóxicos nos que participamos desde hai anos de distintas formas. Ser partícipes desta Cátedra impúlsanos a ser conscientes de como podemos mellorar neste caso a medicina personalizada. Isto é un reto e á vez un compromiso dos nosos equipos e da nosa compañía. Algo que nos fai sentir orgullosos e á vez crecer como profesionais para acadar algo moito máis grande que un proxecto, algo que sen sabelo poida chegar, se todo sae ben, a miles de persoas que se beneficiarán deste esforzo que é á vez a nosa recompensa». A compañía tecnolóxica ten presenza en máis de 27 países na actualidade e consolídase ano tras ano cun crecemento exponencial de clientes e profesionais.

 Cómpre destacar tamén a participación do CESGA, segundo centro de supercomputación máis potente do país, así como a dun número de axentes públicos e privados que conforman un dos ecosistemas en saúde, biociencia e biotecnoloxía máis importantes de España. Entre eles, o propio Servizo Galego de Saúde (SERGAS), que avalou desde o principio a proposta sinalando que «as fortalezas da Universidade de Santiago de Compostela neste ámbito fana merecedora deste apoio á súa candidatura». O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, sinalaba as capacidades de Campus Vida, como «principal ámbito de investigación, formación e clínico de Galicia e un dos máis importantes de España en Ciencias da Vida», destacando así mesmo «a singularidade de contar tamén cun dos principais centros de investigación do Estado en intelixencia artificial, o CiTIUS».

A través da Cátedra promoveranse algunhas liñas estratéxicas para o obxecto de estudo desta iniciativa, como a aprendizaxe automática, o procesamento de imaxes e sinais, ou as tecnoloxías lingüísticas -por citar só algúns exemplos-, mentres que as actividades de investigación, divulgación, docencia e innovación da cátedra se verán ademais reforzadas a través de colaboracións nacionais e internacionais. Todo un reto académico, científico, asistencial e social, tal e como se desprende das palabras coas que conclúe a súa exposición Senén Barro: «esta Cátedra non cambiará o mundo, pero axudará a facelo mellor».