Un de cada cinco españois acudiu ao médico por recomendación da IA, segundo un estudo da Cátedra CAMELIA USC-Plexus

- Unha enquisa realizada a preto de 5.000 persoas nas 17 comunidades autónomas revela unha ampla aceptación do uso da IA para apoiar tarefas técnicas e administrativas.
- Case a metade da poboación aposta por un modelo asistencial mixto entre profesionais sanitarios e intelixencia artificial.
- A Cátedra da Universidade de Santiago de Compostela, financiada polo Estado e a empresa Plexus-Tech, está dedicada á aplicación da IA á Medicina Personalizada de Precisión, para o cal desenvolve unha intensa actividade de investigación, formación, asesoramento, divulgación e transferencia.
Cada vez máis persoas acoden á intelixencia artificial para resolver dúbidas de saúde. Os resultados dun estudo impulsado pola Cátedra CAMELIA USC-Plexus amosan que case a metade da poboación consultou algunha vez un sistema de IA para resolver dúbidas relacionadas coa súa saúde, o que reflicte que esta tecnoloxía deixou de ser unha posibilidade de futuro para converterse nunha realidade cotiá.
O informe revela ademais que arredor do 18 % da poboación acudiu a unha consulta médica por recomendación dun sistema de IA, mentres que unha porcentaxe similar afirma ter decidido non acudir ao considerar suficiente a información obtida mediante estas ferramentas.
Actitude moderada e prudente
Con todo, a cidadanía mantén unha actitude moderada e cautelosa no que respecta á incorporación da IA ao ámbito sanitario. En termos xerais, predomina a prudencia da poboación enquisada, que valora tanto as oportunidades que ofrece a tecnoloxía como os riscos que pode implicar.
A enquisa, realizada a 4.700 persoas maiores de idade residentes en España, con representación das 17 comunidades autónomas, pon de manifesto que a poboación distingue claramente entre os diferentes usos da intelixencia artificial. Existe unha ampla aceptación daquelas aplicacións destinadas a apoiar tarefas técnicas ou administrativas, como a xestión de citas, a interpretación de probas diagnósticas ou a análise de imaxes médicas.
Pola contra, as maiores reservas aparecen cando a IA intervén en decisións clínicas de maior transcendencia. A aceptación non depende tanto do uso desta
tecnoloxía como do papel que desempeña dentro do proceso asistencial e das garantías que acompañan a súa utilización.
Esta cautela tamén se reflicte na percepción dos posibles riscos asociados á IA. En concreto, o 64 % dos enquisados manifesta preocupación por que o seu uso poida dar lugar a erros que un profesional sanitario non cometería, e o 62,3 % considera que existe o risco de que a atención sanitaria perda parte do seu compoñente humano. Ademais, aproximadamente a metade da poboación amósase incómoda coa idea de que unha IA participe en decisións sobre a súa saúde, aínda que unha proporción similar recoñece que esta tecnoloxía pode contribuír a mellorar a calidade da atención sanitaria. Estes resultados amosan que a cidadanía non rexeita a IA, pero si esixe que a súa incorporación se produza con garantías, mantendo sempre a supervisión dos profesionais sanitarios.
O control humano, condición indispensable
Un dos resultados máis destacados do estudo é o amplo consenso existente arredor da necesidade de manter sempre a supervisión profesional. A cidadanía considera imprescindible que o uso da IA sexa transparente, que o paciente sexa informado da súa utilización e, sobre todo, que a decisión final continúe correspondendo ao profesional sanitario. Así, a aceptación da IA non aumenta cando se presenta como máis precisa que os médicos, senón cando se garante que actúa baixo a supervisión e o criterio dos profesionais. As garantías xeran máis confianza que a promesa dun maior rendemento tecnolóxico.
Neste contexto, o modelo asistencial preferido pola poboación é claramente un sistema mixto, no que os profesionais sanitarios contan co apoio da intelixencia artificial. Esta opción é escollida polo 49,8 % das persoas enquisadas, mentres que catro de cada dez seguen preferindo un diagnóstico realizado exclusivamente por profesionais humanos.
Transparencia e supervisión, claves para xerar confianza
As conclusións apuntan a que o principal reto para impulsar a confianza social na intelixencia artificial sanitaria non reside unicamente en mellorar a súa capacidade técnica ou a súa precisión, senón en garantir un uso transparente, comprensible e sempre supervisado por profesionais sanitarios. Neste sentido, o 86,8 % dos enquisados considera que debe ser informado se durante a súa atención sanitaria se utiliza intelixencia artificial, o que pon de manifesto que a transparencia constitúe un requisito esencial para favorecer a súa aceptación.
Con todo, os resultados tamén amosan unha percepción moderadamente positiva sobre a súa implantación. A pesar das preocupacións expresadas, o 59 % da poboación confía en que o sistema sanitario español incorporará a IA de forma responsable e coas garantías necesarias, mentres que o 54,9 % considera que esta tecnoloxía podería contribuír a mellorar o acceso á atención sanitaria de persoas que viven en zonas rurais ou con dificultades de desprazamento.
A evolución destas actitudes nos próximos anos permitirá comprobar se a crecente experiencia da poboación con estas ferramentas conduce cara a unha maior converxencia de opinións ou, pola contra, fai máis visibles as diferenzas existentes entre distintos grupos sociais.
Sobre a Cátedra CAMELIA
A cátedra USC-Plexus de IA en Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA) nace co propósito de impulsar a transformación do sistema de saúde a través da integración de tecnoloxías intelixentes, a análise de grandes volumes de datos e a aplicación da intelixencia artificial. O seu obxectivo é acelerar o desenvolvemento da Medicina Personalizada de Precisión en España, fomentando a formación de profesionais da saúde no uso ético e responsable destas ferramentas, promovendo a investigación, a innovación e a colaboración público-privada a nivel nacional e internacional. Comprometida con principios éticos, socioeconómicos, culturais e de xénero, a Cátedra busca non só mellorar a calidade de vida das persoas, senón tamén sensibilizar a sociedade sobre a importancia dun enfoque de saúde personalizado, sostible e baseado no coñecemento científico máis avanzado.
Esta iniciativa contou co respaldo da Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial e da Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU, no marco do proxecto Cátedras ENIA (Orden ETD/1180/2022, de 25 de noviembre) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia Europeo.