ES | GAL
Ctedra Camelia Ctedra Camelia Ctedra Camelia Ctedra Camelia canal Yotube
Difusión

A Cátedra USC-Plexus Camelia lidera a formación en IA en saúde no seu primeiro ano e impulsa a investigación para garantir un uso responsable na práctica clínica

A Cátedra USC-Plexus Camelia lidera a formación en IA en saúde no seu primeiro ano e impulsa a investigación para garantir un uso responsable na práctica clínica
  • A Cátedra presentou hoxe, durante o acto de balance anual, os resultados do seu primeiro ano de actividade.
  • César de la Fuente, referente mundial na aplicación da intelixencia artificial ao descubrimento de novos antibióticos, profesor catedrático da Universidade de Pensilvania, compartiu a súa visión sobre o futuro da medicina.
  • CAMELIA conta cun Servizo de Asesoramento Avanzado en intelixencia artificial en saúde para empresas e institucións e sobre cumprimento normativo e boas prácticas. 
  • A iniciativa conta co respaldo do Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública, con fondos europeos no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

A Cátedra USC-Plexus en Intelixencia Artificial aplicada á Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA) conclúe o seu primeiro ano como referente en formación e investigación en intelixencia artificial aplicada á saúde. Nestes doce meses, a iniciativa impulsou programas especializados dirixidos a profesionais sanitarios, persoal investigador e directivo, ao tempo que reforzou a súa vocación investigadora e de transferencia de coñecemento con novos servizos orientados a garantir un uso seguro, fiable e ético da IA no ámbito sanitario.

Os datos e os principais resultados desta primeira etapa presentáronse este martes 26 de maio, nun acto celebrado en Santiago de Compostela que contou coa participación da reitora da USC, Rosa Crujeiras; o subdelegado do Goberno en A Coruña, Julio Abalde; a directora xeral de IA do Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública, Aleida Alcaide; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o director da Cátedra CAMELIA, Senén Barro; e o socio director de Plexus, José Manuel Chao. O encontro contou tamén coa intervención do investigador César de la Fuente, catedrático da Universidade de Pensilvania e director do Machine Biology Group, considerado un dos principais referentes internacionais na aplicación da intelixencia artificial ao descubrimento de novos tratamentos e antibióticos.

Na súa intervención, o director da Cátedra, Senén Barro, destacou os resultados acadados neste primeiro ano de actividade, subliñando o avance nas liñas de formación, investigación e transferencia de coñecemento, así como a consolidación dun ecosistema de colaboración público-privada arredor da intelixencia artificial aplicada á saúde. Así mesmo, sinalou que está en marcha un estudo sobre percepción social, a partir dunha enquisa dirixida a máis de 4.000 persoas en España, orientada a analizar como a cidadanía percibe a integración da intelixencia artificial no ámbito sanitario, desde o uso de modelos de linguaxe para consultas de saúde ata a súa incorporación na práctica clínica hospitalaria como apoio ao diagnóstico. Senén Barro opinou que "coñecer a opinión que as persoas temos sobre o uso da IA en saúde é fundamental para saber cales son as nosas preocupacións, prexuízos, en particular os que xeran medos infundados ou expectativas excesivas, e saber cales son os nosos intereses. Doutro xeito todos actuamos a cegas, tanto ao investigar en IA como ao aplicar os seus resultados".

Nesa mesma liña, o socio director de Plexus e codirector da cátedra, José Manuel Chao, sinalou que "a intelixencia artificial é xa unha ferramenta clave para transformar o sistema sanitario, pero o seu impacto dependerá de como se adopte. Iniciativas como CAMELIA permiten achegar estas tecnoloxías aos profesionais cun enfoque práctico, rigoroso e aliñado coas necesidades reais do sistema de saúde". 

Pola súa banda, a directora xeral de Intelixencia Artificial do Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública, Aleida Alcaide, subliñou a importancia de iniciativas como CAMELIA para "impulsar unha adopción responsable e segura da intelixencia artificial no ámbito sanitario", destacando o papel da colaboración entre institucións, universidades e empresas para conectar o talento e a investigación en tecnoloxías como a IA desde os centros de excelencia e universidades co progreso do  noso privilexiado sistema de saúde, un piar clave do noso país e moi recoñecido internacionalmente". 

Ao mesmo tempo, o subdelegado do Goberno en A Coruña, Julio Abalde, destacou "o compromiso do Goberno de España coa transformación dixital de Galicia, con iniciativas como o programa RETECH-KHN para a protección do patrimonio, a sede en A Coruña da Axencia de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), a Factoría de Intelixencia Artificial que albergará o CESGA; ou esta cátedra que, enmarcada na Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial, respaldamos cun investimento de 900.000 euros, co obxectivo de impulsar o talento e a investigación no ámbito da saúde dixital, pois defendemos un desenvolvemento tecnolóxico ético, humanista e centrado en mellorar a vida das persoas".

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou que a Cátedra USC-Plexus de IA en medicina personalizada de precisión é un "claro exemplo" da Galicia Calidade onde colaboran o sector público e o privado para dar o mellor de si á sociedade. Por unha banda, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, CiTIUS, un dos dez centros da Rede CIGUS que agrupa a mellor ciencia feita en Galicia. Por outra, unha empresa tecnolóxica como Plexus, un dos emblemas da I+G+i, a investigación e a innovación con selo galego.

A reitora da USC puxo en valor o papel da "Universidade de Santiago de Compostela como referente en investigación e formación en intelixencia artificial aplicada á saúde, reforzando a súa posición de liderado no ámbito da investigación biomédica e a innovación científica en Galicia e no conxunto do sistema universitario español". Para Crujeiras, "a medicina personalizada de precisión non se pode abordar desde unha única perspectiva; require integrar coñecementos da medicina, a bioloxía, a intelixencia artificial, a informática, a matemática aplicada, a estatística ou as ciencias sociais. E precisamente esa capacidade de conectar disciplinas diferentes arredor dun obxectivo común é unha das grandes fortalezas deste proxecto", dixo.

Antibióticos e IA
Un dos referentes mundiais na aplicación da intelixencia artificial ao descubrimento de novos fármacos e antibióticos, César de la Fuente, catedrático da Universidade de Pensilvania e director do Machine Biology Group, ofreceu unha videoconferencia na que expuxo a súa visión sobre o impacto destas tecnoloxías na transformación da medicina e no desenvolvemento de solucións innovadoras para os grandes retos da saúde. César de la Fuente explicou como, xunto co seu equipo de investigadores da Universidade de Pensilvania (EE. UU.), desenvolveu sistemas de IA como "ApexGO", capaces de deseñar e optimizar candidatos a antibióticos máis potentes con maior rapidez, partindo de péptidos -pequenas moléculas con actividade antimicrobiana- e propoñendo melloras sobre estruturas existentes para aumentar a súa eficacia fronte a bacterias resistentes.

Neste sentido, o investigador destacou o papel da Cátedra CAMELIA como un exemplo relevante de iniciativa académica orientada a conectar investigación, formación e transferencia de coñecemento en intelixencia artificial aplicada ao ámbito sanitario, subliñando a súa contribución ao impulso dunha IA responsable e con impacto real na práctica clínica.

Servizo de Asesoría en IA e guía de boas prácticas
En liña coa súa vocación de transferencia de coñecemento e apoio á adopción responsable da intelixencia artificial, CAMELIA reforzou neste primeiro ano a súa actividade co lanzamento de novos servizos orientados ao contorno sanitario. Entre eles destaca un servizo de asesoramento de proxectos que integren ferramentas de intelixencia artificial no ámbito da medicina e a saúde, dirixido a institucións, empresas e equipos profesionais que buscan incorporar estas tecnoloxías con garantías éticas, normativas e estratéxicas, acompañando todo o ciclo dos proxectos desde o seu deseño ata a súa implementación.

As persoas e institucións interesadas poden solicitar asesoramento a través dun formulario dispoñible na web da Cátedra, detallando as súas necesidades e obxectivos específicos. O equipo de CAMELIA ofrece orientación tanto en aspectos técnicos de IA como en cumprimento normativo e marco ético, asegurando un acompañamento integral en cada proxecto.

Así mesmo, a Cátedra conta cunha Guía de boas prácticas ético-legais en intelixencia artificial en saúde, concibida como un marco de referencia independente que orienta o desenvolvemento, avaliación e implementación de solucións de IA no ámbito sanitario. Esta guía establece principios e recomendacións que facilitan unha adopción responsable da tecnoloxía, asegurando o cumprimento normativo, a protección de datos e a seguridade de pacientes e profesionais, así como a transparencia e a equidade na súa aplicación.

Un ano en cifras
No plano académico e científico, a Cátedra consolidou neste primeiro ano unha intensa actividade de formación, investigación e difusión do coñecemento. Durante 2025, impulsou a formación de profesionais do ámbito sanitario e directivo, contribuíu á formación de investigadores en intelixencia artificial aplicada á saúde, publicando en acceso aberto todos os resultados científicos derivados da súa investigación.

A divulgación é outro dos compromisos de CAMELIA, ao ter organizado actividades de divulgación de IA en saúde para máis dun milleiro de persoas a través de eventos e encontros especializados, ademais da súa participación en 18 congresos e seminarios, ademais de cursos de verán.

A presenza en redes sociais, con preto de medio milleiro de seguidores, e a web institucional da Cátedra consolidaron a CAMELIA como un altofalante clave para compartir coñecementos e fomentar a interacción coa comunidade profesional e académica.

Sobre a Cátedra CAMELIA
A cátedra USC-Plexus de IA en Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA) nace co propósito de impulsar a transformación do sistema de saúde a través da integración de tecnoloxías intelixentes, a análise de grandes volumes de datos e a aplicación da intelixencia artificial. O seu obxectivo é acelerar o desenvolvemento da MPP en España, fomentando a formación de profesionais da saúde no uso ético e responsable destas ferramentas, promovendo a investigación, a innovación e a colaboración público-privada a nivel nacional e internacional. Comprometida con principios éticos, socioeconómicos, culturais e de xénero, a Cátedra busca non só mellorar a calidade de vida das persoas, senón tamén sensibilizar a sociedade sobre a importancia dun enfoque de saúde personalizado, sostible e baseado no coñecemento científico máis avanzado.

Esta iniciativa, que forma parte do proxecto Cátedras ENIA (Orde ETD/1180/2022, do 25 de novembro), contou co respaldo do Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Digitalización e Intelixencia Artificial, mediante fondos europeos NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.