Reimaxinar a Intelixencia Artificial e a medicina a través da literatura

- A Cátedra USC-Plexus de Intelixencia Artificial Aplicada á Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA) convoca o I Certame de Relatos sen IA: "IA é saúde"
- Esta é a primeira acción do seu programa divulgativo CiudadanIA, sobre o papel da IA na saúde
- Dirixido a todas as persoas maiores de 18 anos, o prazo para presentar os textos estará aberto ata o 15 de maio de 2026
- Os traballos deberán estar escritos en lingua castelá e ter unha extensión máxima de 1.500 palabras
A Cátedra USC-Plexus de Intelixencia Artificial Aplicada á Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA) inicia o seu programa divulgativo CiudadanIA coa convocatoria do I Certame de Relatos sen IA: "IA é saúde". Un concurso que invita a reflexionar, en clave literaria, sobre as posibilidades, os límites, os riscos, as implicacións éticas e legais da intelixencia artificial na saúde, nun momento no que a IA está transformando amplamente a investigación biomédica, a práctica clínica e os sistemas e modelos sanitarios.
O certame, dirixido a todas as persoas maiores de 18 anos, busca creacións literarias escritas en lingua castelá, "que vaian máis alá da mera descrición ou divulgación e formulen un pensamento crítico sobre a relación entre IA e saúde". O prazo para a presentación de textos estará aberto desde as 00:01 horas do mércores 15 de abril ata as 23:59 horas do venres 15 de maio de 2026.
Escribir sobre IA sen IA
Baixo o lema "IA é saúde", pero sen que sexa a IA a que substitúa o pensamento humano, búscase fomentar unha mirada imaxinativa, crítica e plural sobre como a tecnoloxía inflúe —ou podería influír— nas nosas vidas. Por iso, os relatos presentados deberán ser íntegramente orixinais e non poderán ter sido elaborados, total nin parcialmente, mediante ferramentas de intelixencia artificial.
Os relatos deben explorar a relación entre saúde e intelixencia artificial, facendo que o lector considere as súas aplicacións, límites, riscos e as implicacións éticas e legais. Non se buscan relatos meramente descritivos ou de divulgación do uso da aplicación da IA na saúde, senón creacións literarias, que aborden con realismo ou non temas propios do ámbito. Poden ser relatos de ficción, fantasía, narrativa realista, humor…
Cada participante poderá presentar un máximo de dous relatos, cuxa extensión máxima non debe superar as 1.500 palabras.
Xurado e recoñecemento
O xurado estará formado por profesionais do ámbito tecnolóxico, sanitario e literario. Terá plenas facultades para decidir as persoas gañadoras e a súa decisión será inapelable. Poderá declarar deserto algún ou todos os premios se así o considera. Así mesmo, resérvase o dereito de non admitir aqueles relatos que atentan contra os dereitos á intimidade, á honra e á propia imaxe de terceiros ou que conteñan connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias, comentarios obscenos, difamatorios ou calquera outro contido contrario á dignidade ou a orde pública. O xurado eliminará calquera relato que non sexa orixinal ou sobre o que teña sospeitas fundadas de que foi elaborado, total ou parcialmente, mediante algún sistema de intelixencia artificial.
Concederanse tres premios: 500 euros para o primeiro, 300 euros para o segundo e 100 euros para o terceiro. Ademais, se o xurado o estima oportuno poderá dar premios ex aequo e outorgar adicionalmente mencións especiais a outros textos "con gran mérito". As persoas gañadoras recibirán ademais un diploma acreditativo por parte da Cátedra e serán invitadas a realizar unha lectura dos seus relatos no contexto dun evento que organizará a Cátedra durante o mes de xuño, relacionado coa aplicación da IA na saúde.
Normas sobre o envío de textos
a) Os relatos enviaranse por correo electrónico a: catedra.ia.med@usc.gal.
b) No corpo do correo deberá indicarse claramente o nome completo do autor ou autora e un medio de contacto.
c) Os correos recibidos sen identificación ou con identificación incompleta quedarán automaticamente eliminados do concurso.
d) Adxunto ao correo, enviarase o texto ou textos obxecto de concurso, sen que nestes se identifique ao seu autor, salvo polo uso de pseudónimo.
e) Formato do arquivo: Os relatos deberán enviarse en formato editable, preferentemente .doc, .docx ou .odt (Word ou procesador de textos compatible). Utilizarase fonte Arial ou Times New Roman, tamaño 12 e espazo 1,5.
f) Adxúntanse as bases do certame en formato pdf.