ES | GAL
Ctedra Camelia Ctedra Camelia Ctedra Camelia Ctedra Camelia canal Yotube
Difusión

Galicia avanza no uso responsable da intelixencia artificial nos servizos de saúde

Galicia avanza no uso responsable da intelixencia artificial nos servizos de saúde
  • A través dun programa de formación estratéxica para directivos do sector tecnolóxico e sanitario impulsado polo Cluster de Saúde (CSG) e a Cátedra USC-Plexus de IA en Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA).
  • Este programa busca achegar os coñecementos necesarios sobre IA aplicada ao campo da saúde a algunhas das principais figuras do sector para facilitar a toma de decisións estratéxicas en organizacións sanitarias.
  • A primeira sesión tivo lugar este xoves 12 de marzo no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC, e contou coa participación do director da AESIA, Alberto Gago Fernández.

A intelixencia artificial está influíndo de forma directa na xestión sanitaria, a investigación biomédica, a práctica clínica e a planificación estratéxica dos sistemas de saúde. Neste contexto, comprender o seu alcance real e as súas implicacións legais e éticas converteuse nunha prioridade para os equipos directivos que deben tomar decisións informadas sobre a incorporación destas tecnoloxías.

Con este obxectivo e de forma conxunta, o Cluster Saúde de Galicia (CSG) e a Cátedra USC-Plexus de IA en Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA) puxeron en marcha a iniciativa formativa "Intelixencia Artificial en Saúde: fundamentos, regulación e aplicacións reais para a toma de decisións", dirixida a directivos e responsables de organizacións sanitarias tanto do ámbito público como privado.

O programa deu comezo hoxe de forma presencial no CiTIUS – Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes de Santiago de Compostela, e celebrará novas sesións os próximos 18 de marzo e 9 de abril, contando cun máximo de 20 participantes, co obxectivo de favorecer un contorno de aprendizaxe avanzado que promova a análise estratéxica e o intercambio de experiencias entre perfís directivos do ámbito sanitario.


Formación nunha área estratéxica para o sector sanitario galego

Esta formación ofrece unha visión estruturada sobre o uso da intelixencia artificial aplicada ao ámbito sanitario. Ao longo das sesións analizáronse os fundamentos técnicos da aprendizaxe automática necesarios para interpretar solucións baseadas en datos, as aplicacións reais da IA na práctica asistencial e a xestión sanitaria, o papel estratéxico dos espazos europeos de datos sanitarios, o marco normativo aplicable e os principais retos éticos e de gobernanza vinculados á adopción destas tecnoloxías en medicina.

Neste contexto, Senén Barro, director do CiTIUS e da Cátedra CAMELIA, destacou: "A intelixencia artificial pode mellorar a medicina como ningunha outra tecnoloxía, pero para iso non se trata só de deseñala ben senón de usala igualmente ben. Isto esixe que tamén os responsables das políticas e organizacións de saúde comprendan tanto as súas capacidades como as súas limitacións e riscos. Iniciativas como este programa formativo permiten achegar ese coñecemento estratéxico e facilitar unha adopción responsable e baseada na evidencia científica e no coñecemento suficiente das bases tecnolóxicas da IA".

Pola súa parte, desde o Cluster Saúde de Galicia (CSG) o seu xerente, Iván Rarís, destacou que Galicia conta cunha sólida traxectoria na incorporación de tecnoloxía ao sistema sanitario. "Galicia é hoxe un referente na aplicación de tecnoloxías avanzadas en saúde, un proceso que foi impulsado de forma decidida pola Consellería de Sanidade e polo Servizo Galego de Saúde. Ese posicionamento debe consolidarse hoxe no ámbito da intelixencia artificial aplicada á saúde".

Neste contexto, Rarís sinalou que iniciativas estratéxicas que se están a desenvolver na comunidade reforzán este posicionamento. "Proxectos tractores como a futura Factoría de Intelixencia Artificial en Galicia, especializada no ámbito de saúde global, reflicten precisamente esa aposta por situar Galicia na vangarda do desenvolvemento tecnolóxico e a súa aplicación a ámbitos clave como a saúde".

Martín Aldrey, de Plexus Tech, manifestou a súa satisfacción e "honra de traballar coa cátedra CAMELIA neste programa formativo e de investigación". "Cremos firmemente neste proxecto, porque a tecnoloxía está madura hoxe en día e está a producirse un cambio cultural sobre a importancia de entender os datos e sobre como a IA se pode facer explicable", asegurou.


AESIA, como supervisar a aplicación da IA en España

A formación contou coa participación do director da Agencia Española de Supervisión de la Inteligencia Artificial (AESIA), Alberto Gago Fernández, que compartiu a súa visión sobre a estratexia de desenvolvemento e supervisión da intelixencia artificial en España, destacando o seu papel clave na transformación dixital do sistema sanitario.

Durante a intervención na apertura do evento, Gago sinalou: "Non é casual que a AESIA estea en Galicia, tampouco que a fábrica europea de IA en saúde que se concedeu recentemente vaia ter a súa sede en Santiago. O principal financiador desta fábrica volve ser o Goberno de España que puxo a metade dos 82 millóns de euros necesarios. Isto responde a unha clara aposta do goberno por dotar Galicia de medios económicos e materiais para a defensa dunha IA que sirva ás empresas e a cidadanía".

Do mesmo xeito, o director da AESIA subliñaba o seu apoio "para que as empresas poidan incorporar esta tecnoloxía nos seus produtos con plenas garantías para as persoas. Por iso estamos a desenvolver un contorno de probas controlado e unha das liñas estratéxicas será a saúde. Aquí as empresas poderán testar que os seus sistemas de IA cumpren co Regulamento Europeo de intelixencia artificial antes de saír ao mercado".

O programa contou tamén cun equipo docente de recoñecido prestixio procedente do ámbito académico, institucional e tecnolóxico. Poñentes como Senén Barro Ameneiro, José Manuel Chao Ardao, Iván Rarís, Alberto José Bugarín Diz, Marta Núñez García, Luis Míguez, Benigno Rosón Calvo, Ángel Carracedo e Lois Orosa achegaron unha perspectiva multidisciplinar sobre a aplicación da intelixencia artificial en ámbitos como a investigación biomédica, a xestión sanitaria e a medicina personalizada.

Esta formación está dirixida a altos cargos e responsables de organizacións sanitarias, con perfís vinculados á dirección executiva, a estratexia empresarial, a innovación, a consultoría e a xestión de proxectos no ámbito da saúde.

Entre os participantes atópanse directores xerais e CEOs de compañías do sector sanitario e tecnolóxico, responsables de innovación, directores de proxectos, xerentes de servizos de saúde, consultores estratéxicos, responsables de calidade asistencial, directivos de desenvolvemento empresarial e especialistas en transformación dixital e biobancos, o que permite xerar un espazo de intercambio de alto nivel entre profesionais con capacidade real de decisión nas súas organizacións.

Esta iniciativa formativa enmárcase nas Cátedras ENIA (TSI-100932-2023-3, orden ETD/180/2022, de 25 de noviembre), destinadas á investigación e desenvolvemento da intelixencia artificial, así como á súa difusión e formación no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). O programa está financiado pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial e pola Unión Europea – Next Generation EU.